As máis das achegas novedosas que o politólogo Maquiavelo ofreceu aos
Príncipes do Renacemento, son sabenzas que <veñen de serie> nos políticos
actuais. Ningún ignora que a política non ten relación coa moral; que nunca
faltan razóns para romper a promesa feita; que non paga a pena gañar pola forza o que
se pode gañar pola mentira; que non é preciso ser virtuoso, pero é
imprescindible semellalo; e tantas outras que, xuntas todas, se resumen na máxima
<a fin xustifica os medios>, que Maquiavelo non escribiu, pero recolle
fielmente a doutrina exposta no libro O
príncipe, que dedicou a Lourenzo de Médicis no século XVI.
Pedro Sánchez sabe
todo isto de pe a pa e coma un habelencioso
prestidixitador sacou , de bóbilis,
bóbilis, unha presidencia da chisteira. Porén, sospeito que o presidente non
leu a Maquiavelo. Se o fixese, sabería que a virtú do político, da que tanto fala o florentino, é un conxunto de
cualidades, nas que <prudencia e previsión> son especialmente
importantes. Ante calquera conflito, o político de Maquiavelo infórmase, deseña
a estratexia e actúa. Non dá xamais puntada sen fío. No conflito de Franco e o
Val dos Caídos, o presidente entrou a saco e actuou sen información e sen
estratexia. Nin sequera sabía que os Franco teñen mausoleo propio na Almudena
e, ao descubrilo, ante a perspectiva de que o Invicto vaia ao centro de Madrid
e as peregrinaxes de nostálxicos lle colapsen o tráfico a Carmena, quixo que llo
resolvesen o bispo e o Vaticano. Alguén deberíalle advertir: -Tente Sánchez,
que coa Igrexa topamos. Ninguén o fixo e as xestións foron un fracaso.
Aínda que o cardeal
Reginald Pole, contemporáneo de Maquiavelo, afirmara que O príncipe fora escrito coa man de Satanás, certas actuacións das
autoridades eclesiásticas son perfectamente maquiavélicas, e nos enterramentos
en sagrado temos un claro exemplo. O Código de Dereito Canónico promulgado pola
Autoridade do papa Xoán Paulo II, en 1983, di ao respecto: <Non se deben
enterrar cadáveres nas igrexas, a non ser o do Romano Pontífice ou, en igrexas
propias, os de Cardeais e Bispos diocesanos, mesmo eméritos>. Faltou unha
nota para advertir que habería manga
ancha porque templos de toda España acollen a mortos de primeira, selectos
e de calidade suprema. En xuño de 2001 o suplemento Crónica do xornal El Mundo informaba
de que, ademais das familias con privilexio adquirido no pasado, a arquidiócese
de Madrid optara por crear, a cambio de diñeiro, unha nova aristocracia
funeraria de familias con grandes fortunas. As doazóns –nestas transaccións as
palabras prezo, venda, pago, non existen- ían das 400.000 pts. por un
columbario na igrexa de San Martín, aos 20 millóns por unha tumba na Almudena. Por
algo Maquiavelo eloxiara a avaricia e a cutrería dos príncipes.
E o maquiavelismo da
familia ao sacar o Caudillo do Val para levalo á Almudena? Se lles sae ben, a xogada
será perfecta, a non ser por un detalle: o día da resurrección, na vez de se
atopar coa dona –triste e soa nunha cripta do Pardo-, Franco vaise dar de
fociños co xenro, o marqués de Villaverde; e nin Maquiavelo, que gabou <o bo
uso da crueldade>, xustificaría tal atrocidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário